ESTUDO DA POBOACIÓN DE LOBOS NA METADE NORTE DA PROVINCIA DE LUGO
O da la miúda é un proxecto que se centra en realizar traballos de estudo da distribución, reprodución, fenoloxía e etoloxía do lobo no norte da provincia de Lugo, mantendo un seguimento continuado. “O da la miúda” é un dos moitos nomes “noa” que recibe o lobo en Galicia, neste caso recollido no concello de Abadín, e que se empregan para evitar pronunciar o seu nome, pois crese que de facelo atraeríase a súa presenza.
No 2018 comezamos a traballar no estudo dun grupo próximo aplicando unha metodoloxía diferente á empregada na maior parte dos censos, na que os índices quilométricos de abundancia (IKA) de indicios (fundamentalmente excrementos) non son utilizados para determinar a presenza de grupos ou reprodución, senón como unha axuda para tecer unha rede de cámaras de foto-trampeo que nos permiten coñecer moitos detalles dos animais e grupos observados: sexo, idade aproximada, enfermidades, furtivismo, comportamento ou alimentación, sendo capaces en moitas ocasións de identificalos individualmente para evitar así a omisión ou duplicación de grupos familiares. O obxectivo é realizar un seguimento continuado que cremos fundamental para analizar con perspectiva a situación da especie na zona.
O éxito foi tal que na actualidade estamos a realizar o seguimento de 20 grupos familiares de lobos, estendendo as labores de estudo a toda a metade norte da provincia de Lugo con ata centos de observacións de cada manda. O da la miúda é un proxecto no que o lobo é o eixe transversal, pero que a través do esforzo do traballo de campo serve para obter información sobre o patrimonio paisaxístico, cultural, toponímico, sobre o estado de conservación dos hábitats e as ameazas que sofren así como datos sobre outros moitos grupos faunísticos.
Máis proxectos
Traballo de estudo e fomento da presenza de especies controladoras de pragas agrícolas e promoción de prácticas agrogadeiras compatibles coa biodiversidade.
Estudo das necesidades de explotacións e promoción de prácticas gandeiras e medidas de prevención que diminúan os ataques á cabana gandeira en zonas con alta densidade lobeira.
Gracias á plataforma observation.org recollemos citas e información de diferentes especies para poñer este coñecemento en mans dos investigadores.